O deputado nacional e portavoz de Industria do Grupo Popular no Congreso, Francisco Conde, manifestou hoxe a súa preocupación polo cambio de opinión do Goberno de España e do BNG en relación co proxecto de Altri, unha mudanza que xera incerteza e preocupación entre a cidadanía e os sectores implicados.
Non parece razoable poñer en dúbida o traballo desenvolvido polos técnicos encargados de garantir que o proxecto cumpra con todos os requisitos esixidos desde o punto de vista medioambiental. As esixencias ambientais e industriais foron avaliadas con rigor, polo que resulta inexplicable a nova postura adoptada polo Goberno central e polo BNG, indicou o deputado popular.
Ademais, engadiu Francisco Conde, sorprende a complicidade entre o independentismo galego e o PSOE nunha decisión que podería ter consecuencias negativas para o desenvolvemento industrial e económico de Galicia. «Se este proxecto estivese a desenvolverse noutra comunidade como Cataluña, a postura do Ministerio de Industria probablemente sería diferente, o que pon de manifesto un tratamento desigual que non favorece os intereses galegos» manifestou.
«Despois dun ano de debate e análise, os cidadáns e as familias galegas precisan certezas sobre as características do proxecto. A falta de claridade e a ausencia dun posicionamento firme por parte do Goberno central xeran inquedanza nun momento no que se require seguridade xurídica e compromiso co desenvolvemento industrial sustentable».
Non se poden presentar escusas nin dilatar a toma de decisións sobre un proxecto que o propio Ministerio xa coñece en profundidade e que conta cunha declaración de impacto ambiental favorable, sinalou o deputado popular.
Por iso, indicou Francisco Conde, «esiximos ao Goberno central e aos diferentes grupos políticos claridade no seu apoio ao proxecto, así como certezas sobre a súa viabilidade e o cumprimento dos requirimentos ambientais e industriais. Galicia necesita un compromiso firme co seu futuro económico e industrial, e non podemos permitir que intereses partidistas ou estratexias políticas poñan en risco esta oportunidade de desenvolvemento».