1 de marzo de 2023. O Comité de Campaña do Partido Popular de Galicia mantivo hoxe a súa primeira xuntanza na sede do partido, encabezada pola secretaria xeral, Paula Prado, e presentou o que será o lema autonómico para as próximas eleccións municipais: Galicia Entre Todos.
“Son tres palabras fundamentais para chegar a onde non chegan unha soa persoa ou un partido. Queremos facer do noso proxecto un proxecto da cidadanía, construído por todos e no que todos participemos”, explicou a número dous dos populares galegos e directora de campaña.
A esta xuntanza asistiron entre outros o coordinador do programa marco, Pedro Puy; o responsable de Organización, Pedro Rojo; e Noelia Pérez, que estrea o cargo de coordinadora de Igualdade nunha campaña da formación e será “a encargada de velar polo cumprimento de todas as cuestións fundamentais no ámbito de igualdade” durante os próximos tres meses.
Paula Prado remarcou que o PPdeG foi o primeiro partido en presentar aos seus 313 candidatos e candidatas: “Somos o partido que máis se parece a Galicia. Un partido de estabilidade, solvencia e de seriedade que aspira a trasladar este modelo aos 313 concellos galegos”.
“Aspiramos a obter un magnífico resultado co que tinguir Galicia de azul o vindeiro 28 de maio, pero sendo conscientes de que necesitamos ter a maioría suficiente para poder gobernar. Non nos chega con ter un sobresaínte, temos que ter a matrícula de honra”, afirmou a secretaria xeral.
O Partido Popular quere estender en Galicia o proxecto de estabilidade que caracteriza á formación “fronte aos pactos de perdedores que só se se dedican a protagonizar liortas internas e que están máis preocupados por resolver eses conflitos e non os problemas reais da cidadanía”.
Sobre a presunta trama de corrupción que se revelou estes días na contorna do PSOE, o denominado caso Mediador: “Preguntámoslle ao señor Valentín González Formoso se ten aberta algunha investigación sobre os deputados galegos presuntamente implicados ou se ten algún tipo de preocupación por saber quen son”.
“Pedímoslle ao socialismo galego que poña seriedade neste tema e demostre que están verdadeiramente preocupados. Ou se, pola contra, como Pedro Sánchez, van seguir mostrando pasividade por un caso de corrupción que se estende por toda a xeografía española e polo que se ve en Galicia tamén”.