As portavoces de Política Social e de Xuventude do Grupo Popular, Raquel Arias e Nicole Grueira, respectivamente, salientaron hoxe a provincia de Lugo conta na actualidade con case 3.500 prazas gratuítas para a atención dos nenos de entre 0 e 3 anos.
Nunha visita ao punto de atención á infancia de Guntín, en compañía do alcalde Ángel Pérez, as deputadas popular subliñaron “a aposta do actual Goberno galego pola escolarización de nenos e mozos galegos, poñendo en marcha medidas pioneiras para posibilitar a gratuidade dos estudos desde o momento de nacer ata que rematan a carreira universitaria”.
En concreto, no que atinxe ao coidado dos menores entre 0 e 3 anos, a Xunta está a investir na provincia de Lugo arredor de 12 millóns de euros, “unha partida que sae do peto de todos os galegos porque, a día de hoxe e a pesar das promesas feitas por Pedro Sánchez, o Goberno central non aporta un só euro para esta iniciativa”, lamentou Raquel Arias.
Froito destas medidas impulsadas pola Xunta, Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de escolarización entre os nenos de 0 a 3 anos co 60,6 por cento, unha porcentaxe que supera amplamente o obxectivo da Unión Europea de chegar cando menos ao 45 por cento en 2030.
Raquel Arias e Nicole Grueira destacaron, ademais, que a Xunta outorgou o Bono Concilia Familia a 1.315 familias da provincia de Lugo nas que traballan os dous proxenitores. Con este bono, o Goberno galego da unha axuda de ata 200 euros por neno para poder acceder a un recurso de conciliación durante os períodos non lectivos.