O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos a favor do Grupo Popular e socialista, e a abstención do BNG e Mixto, a lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, unha norma pioneira a nivel europeo que asegura os beneficios que poderán obter con esta nova tecnoloxía tanto o tecido produtivo como a cidadanía na súa relación coa Administración galega e que garante aos galegos os seus dereitos sempre que interveña a intelixencia artificial.
“En definitiva, un novo marco xurídico estable que ofrece á cidadanía confianza e certeza nas súas relacións coa Administración pública galega e que blinda os seus dereitos”, afirmou o viceportavoz popular, Julio García Comesaña.
Na súa intervención, García Comesaña explicou que a nova lei “regula ata onde as nosas competencias na materia nolo permiten e sendo moi respectuosos co Regulamento Europeo, co fin de aplicar a intelixencia artificial para ofrecer os mellores servizos onde estas tecnoloxías o permiten e de conformidade coas necesidades e as demandas da cidadanía e das empresas”.
TRES OBXECTIVOS
En concreto, citou tres obxectivos principais desta lei: mellorar a eficacia da Administración autonómica e a súa relación coa cidadanía; dispoñer en Galicia dunha intelixencia artificial segura e salvagardar os dereitos da cidadanía; e consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa en intelixencia artificial.
“Por iso, estamos ante unha lei que regula que sistemas de intelixencia artificial podemos desenvolver ou comprar desde a Administración e como debemos usalo; que asegura que as persoas teñen sempre a última palabra; que establece cal é a responsabilidade e funcións de cada un dos servidores públicos e entidades no proceso de planificación e implantación desta tecnoloxía; que define os criterios para a compra ou desenvolvemento de sistemas de intelixencia artificial; e que fomenta a implantación dunha intelixencia artificial axeitada aos intereses estratéxicos de Galicia por parte das empresas e da sociedade no seu conxunto”, explicou.
O viceportavoz popular rematou a súa intervención salientando que “somos unha comunidade autónoma que posúe un ecosistema fortalecido ao redor da ideación, desenvolvemento e demanda de intelixencia artificial, capaz de albergar a AESIA e cunha infraestrutura de computación avanzada e un crecente investimento nesta tecnoloxía por parte da industria e os servizos”, ao que agora se engade “a primeira lexislación rexional europea para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas”.