Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández, garantiu hoxe no Parlamento que a cova de Eirós xa conta cunha protección especial ao estar considerada como ben de interese cultural pola Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia.
César Fernández explicou que o artigo 94.2 da Lei de patrimonio recolle que “son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre”. “Polo tanto, a cova de Eirós xa ten consideración de ben de interese cultural e neste momento a Consellería de Cultura está realizando os trámites para incoar o procedemento para definir a delimitación deste enclave patrimonial”, apuntou.
EVITAR A AFECCIÓN
Respecto da actividade mineira existente nos arredores da cova de Eirós, o portavoz popular sinalou que “a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural condicionou a legalización da canteira salvagardando e evitando a afección crítica ao patrimonio cultural en tres aspectos principais: a afección á área de protección do Camiño de Santiago, a afección á cova de Eirós e as posibles afeccións a outros xacementos arqueolóxicos dos que aínda non se teñen coñecemento en profundidade”.
Deste xeito, indicou que “a explotación dos cortes do terreo xa está condicionada por esta protección a unha distancia de seguridade da cova e doutras formacións que puideran ter interese xeolóxico ou arqueolóxico, realizándose unha investigación xeolóxica para comprobar que non existen outras derivacións da propia cova ou outras cavidades susceptibles de ser investigadas”.