Santiago, 13 de decembro de 2016.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, reprochoulle hoxe á oposición o seu “cinismo” ao tratar de lexislación laboral e emprego, “dado que por unha banda piden a derrogación da reforma laboral do Goberno central pero por outra, cando teñen ocasión, se acollen a esta reforma para facer axustes nas súas plantillas”.
Tellado afeoulle aos socialistas que “queiran dar leccións en materia de emprego cando no último ano que os socialistas tiveron responsabilidades de Goberno na Xunta en Galicia destruíanse 50.000 postos de traballo”. “Hoxe créanse 20.000 de media cada ano”, apuntou.
“Quizá o que queren facer é borrar a historia dos seus gobernos”, sinalou Miguel Tellado, quen subliñou que foi o goberno de Zapatero o que creou 2,7 millóns de parados, “meténdonos na crise, para acabar negándoa ata que xa foi tarde”.
Neste sentido, Tellado valorou positivamente o feito de que o Goberno galego “teña unha folla de ruta clara” neste eido, e salientou que o orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria medra máis dun 8 por cento este ano, o que supón “unha aposta clara e contundente neste campo”.
“Pecharemos este ano coa economía crecendo a un 3 por cento, temos 80.000 parados menos que cando comezou a pasada lexislatura, 2 de cada 3 asalariados teñen un contrato a xornada completa, e no último ano medrou o número de fogares con todos os seus membros ocupados. Aínda así, sabemos que queda moito traballo por facer”, insistiu o viceportavoz.