Santiago, 1 de decembro de 2016.- Con motivo da celebración hoxe do Día Mundial da Loita contra o Sida, o Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a iniciar a oferta rutineira da proba do VIH prevista no Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual 2015-2018 ás persoas de entre 15 e 59 anos, sexualmente activas, que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde.
O portavoz de Sanidade, Aurelio Núñez, subliñou que “o obxectivo é reducir o diagnóstico tardío da infección por VIH, xa que un diagnóstico precoz resulta especialmente relevante para reducir a transmisión do virus entre a poboación e tamén para mellorar o prognóstico dos casos”.
ACTUALIZACIÓN DO PLANA
iniciativa do Grupo Popular lembra que os cambios epidemiolóxicos detectados nos últimos anos na epidemia de VIH en Galicia, que a converten nunha infección basicamente de transmisión sexual (ITS), así como a elevación das taxas noutras infeccións deste tipo, fixeron necesario levar a cabo unha actualización do plan antisida para engadir no mesmo a loita contra as outras ITS, aproveitando as sinerxías que se producen na prevención de todas elas e seguindo as orientacións dos plans europeos e o plan español.
Ademais, a proposición non de lei salienta o traballo realizado na prevención do uso e a redución do dano por consumo de drogas na loita contra o VIH. En concreto, os plans galegos de drogodependencias e da sida achegaron importantes melloras, sobre todo cos programas de inxección hixiénica de drogas e cos programas substitutivos de opiáceos.