O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, reclamou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Goberno de España maior axilidade na devolución ao persoal gandeiro do imposto sobre o valor engadido (IVE) pendente derivado especificamente da compra de pensos ou enerxía, aspectos que teñen unha importante incidencia na conta de resultados das explotacións leiteiras.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, afirmou que “se trata dunha reclamación xusta e xustificada, máis aínda tendo en conta que o leite que o produtor pon no mercado non leva IVE, pero ese mesmo produtor si que ten que facer fronte a este imposto á hora de adquirir alimento para os seus animais, combustible ou enerxía”.
Deste xeito, considerou que este trámite de devolución, que nalgún caso está pendente desde 2022, “é de vital importancia para garantir a viabilidade económica de moitas explotacións, sobre todo daquelas que realizaron un importante esforzo ao acollerse a plans de mellora e outras iniciativas de desenvolvemento”.
SECTOR ESTRATÉXICO
Miguel Viso asegurou que “a Xunta sempre considerou ao sector lácteo galego como un sector estratéxico” e para iso existe o Observatorio do sector lácteo de Galicia, co fin de elaborar informes para a toma de decisións internas e analizar as problemáticas do sector.
Así mesmo, referiuse á ferramenta Enerlácteo, unha aplicación para a optimización dos custos enerxéticos nas explotacións que avalía o consumo enerxético, compárao con outras explotacións semellantes e emite un informe de recomendacións sobre as medidas de aforro enerxético que poden ser implementadas.
TRANSFORMAR O SECTOR LÁCTEO
O portavoz popular lembrou a presentación no día de onte do proxecto Smartz4milk, deseñado para impulsar a transformación do sector lácteo, impulsado polo clúster alimentario de Galicia e cun total de 11 empresas. O principal obxectivo deste proxecto é transformar o sector lácteo, minimizando o seu impacto no medio ambiente, reducindo o desperdicio alimentario, dixitalizando ao máximo os seus procesos e afrontando o reto da descarbonización.
“Esiximos que o Goberno central controle, respecte e cumpra a lei de cadea alimentaria en todas as comunidades autónomas por igual”, sinalou Viso, quen sinalou que “temos as ferramentas pero o Goberno de Pedro Sánchez ten que facelas cumprir, co fin de minimizar as diferenzas de prezos pagados entre distintos territorios”.
Para rematar, Miguel Vigo manifestou que “en breve se porá en marcha o Banco de Explotacións, co fin de garantir a substitución xeracional e de facilitar o contacto entre as persoas titulares de explotacións agroforestais que vaian abandonar a actividade e persoas interesadas nas mesmas.