Santiago, 23 de febreiro de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, xunto co tamén deputado popular José Silvestre Balseiros, iniciou esta mañá no Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas unha xira de visita ás diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e recoller as súas propostas para a promoción destes produtos.
González e Balseiros visitaron a sede do Consello Regulador en compañía do presidente e o secretario xeral da entidade, Juan Gil de Araujo e Ramón Huidobro, respectivamente.
APOSTA POLO SECTOR AGROALIMENTARIO
A visita enmárcase nunha rolda que o portavoz do Medio Rural realizará nas vindeiras semanas por todas as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas co fin de coñecer as súas demandas, así como amosarlles o apoio do Grupo Popular polo importante papel que xogan na comercialización e promoción dos produtos galegos de calidade.
O Grupo Popular continúa nesta lexislatura coa súa aposta decidida por un sector agroalimentario galego de calidade como base para o desenvolvemento do rural. Nesta liña, considérase esencial o apoio ás variedades e razas autóctonas da agricultura e gandería galegas, así como ás organizacións que garanten a calidade dos produtos galegos.