Santiago, 21 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular Isabel Novo Fariña asegurou hoxe no Parlamento que en Galicia hai “unha política industrial do sector da automoción clara, transparente e sólida, coa adxudicación de novos modelos a PSA que garanten unha década despexada, con 1.000 empregos máis que hai un ano, desenvolvendo o vehículo autónomo e con 3.000 millóns de euros de investimento para industria auxiliar”.
“O Goberno galego está a traballar en innovación, experiencia, calidade e competitividade, sempre mellorando as nosas empresas para ser máis competitivas, fabricar cos mellores custos e cunha mellor relación calidade”, sinalou a deputada popular. Neste sentido, apuntou que “competimos en prezo, porque non imos competir en salario, nin en condicións laborais nin precarizando os nosos traballadores”.
Isabel Novo lembrou que en Galicia “xa existe unha Axenda da Competitividade-Industria 4.0 que se aplica a toda a industria galega, pactada cos axentes sociais e co obxectivo de incrementar o peso da industria e xerar emprego buscando unha maior profesionalización, na que se investirán no bienio 2017-2018 máis de 175 millóns de euros”.
PRESERVAR OS DEREITOS LABORAIS
Respecto das acusacións de precarización laboral no sector, a deputada popular afirmou que o Goberno galego está a traballar na preservación dos dereitos laborais; facilitando acordos no eido laboral e conseguindo que o salario medio bruto do sector da automoción supere o salario medio do sector industrial; destinando 86,2 millóns de euros á formación, un 21,6 por cento máis que no 2016; e co compromiso claro de ter traballadores formados para un sector altamente competitivo”.
Isabel Novo tamén se referiu á política de chan industrial e lembrou a posibilidade de adquirir chan a través do dereito de superficie cun canon anual, a existencia de bonificacións de ata un 50 por cento e a promoción dunha Lei de fomento de implantación empresarial no primeiro semestre deste ano, que permitirá unha maior simplificación administrativa, facilitar investimentos e reestruturar as normativas que inciden na instalación de industrias.