Santiago, 17 de novembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira demandou hoxe no Parlamento que a Xunta e os concellos de Pontevedra e Soutomaior elaboren un proxecto de conservación, mantemento, limpeza, alumeado e ordenación da contorna da ponte medieval de Ponte Sampaio, involucrando así a todas as administracións cada unha no marco das súas competencias.
Jacobo Moreira lembrou que a ponte medieval de Ponte Sampaio “vén sendo obxecto dunha especial vixilancia e atención por parte dos servizos da Xunta, xa que está situada no punto quilométrico 2,010 da estrada PO-264, polo que pertence á rede secundaria de estradas da Comunidade galega Galicia”.
COMPETENCIA MUNICIPAL
Na súa intervención, o deputado popular indicou que as inspeccións realizadas á ponte concluíron que o seu estado de conservación é aceptable e non presenta ningún problema estrutural.
Porén, Moreira dixo que “cuestións como a iluminación da ponte ou a configuración urbanística da contorna son competencia municipal”, polo que considerou “acaído buscar a colaboración dos concellos para poder elaborar unha actuación integral sobre a ponte”.
Nese senso, Jacobo Moreira destacou e louvou a actuación do concello de Soutomaior, que tódalas semanas procede á limpeza da metade da ponte máis próxima ao seu concello, e unha vez ao ano fai a limpeza exterior da ponte, limpando os contrafortes da Ponte e facendo labores de mantemento que contribúen á súa conservación estética.
“A Axencia Galega de Infraestruturas continuará a realizar os labores de inspección necesarios para vixiar o estado de conservación e a funcionalidade da Ponte Sampaio, ao tempo que realizará as tarefas habituais da conservación ordinaria e as reparacións necesarias en caso de danos na ponte”, sinalou o deputado popular.