Santiago, 27 de abril de 2018.- O portavoz do Medio Rural, José González, afirmou hoxe, logo da constitución da ponencia encargada de elaborar o ditame da Comisión de estudo das reformas da política forestal e de prevención e extinción de incendios, que “temos todos os medios para poder facer un ditame á altura do que nos demanda a sociedade galega”. “Espera un traballo duro porque o compromiso é de ter o ditame antes de que remate o mes de maio”, polo que demandou á oposición que “se deixee de tacticismos políticos e busque un consenso de país”.
José González, que formará parte desta ponencia por parte do Grupo Popular xunto co voceiro de Montes, José Silvestre Balseiros, salientou “o importante traballo” que se leva feito nesta Comisión de estudo, coa comparecencia de 62 persoas desde o pasado 31 de xaneiro.
AGRADECEMENTOS
Neste sentido, agradeceu o traballo feito por todos os grupos parlamentarios neste tempo, así como as aportacións realizadas por todos estes comparecentes, “que representan os diferentes ámbitos de coñecemento do noso monte, as administracións públicas, os sindicatos ou a Fiscalía”.
O portavoz popular tamén agradeceu “o esforzo feito pola Xunta na remisión de máis de 30 informes á Comisión de estudo”, así como de todas as entidades, públicas e privadas, que tamén fixeron aportación de documentación para a elaboración das conclusións finais.
“Temos todos os medios para poder facer un ditame á altura do que nos demanda a sociedade galega, cunhas recomendacións para ter un monte multifuncional, vivo, dinámico e rendible tanto para os seus propietarios como para a sociedade galega”, sinalou.
COMPROMISO CO PLAN FORESTAL
González fixo un “chamamento aos grupos da oposición para que nos deixemos de tacticismos políticos e busquemos un consenso de país, de xeito que as nosas recomendacións melloren o borrador do Plan Forestal”. Neste sentido, lembrou “o compromiso do Presidente da Xunta e da conselleira do Medio Rural de que esas recomendacións se van ter en conta na redacción definitiva do Plan Forestal”.
Cuestionado sobre a limpeza das franxas de protección, José González afirmou que “é algo que esixe a responsabilidade de todos os implicados: os propietarios dos montes, dos concellos e a colaboración da Xunta, que está a piques de asinar un convenio coa Fegamp para traballar todos xuntos a prol desa limpeza”.