8 de marzo de 2023. O deputado do Grupo Popular e candidato do PPdeG á Alcaldía de Ferrol, José Manuel Rey, garantiu hoxe no Pleno do Parlamento galego que esta cidade “contará cun polo de enerxías renovables, xa que a Xunta ten decidido que é a localización elixida”.
Neste sentido, demandou ao Goberno central “corresponsabilidade para que Ferrol teña o que se merece, porque non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”.
Deste xeito, o Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta o inicio inmediato da posta en marcha do polo de emprendemento de I+D en enerxías renovables e almacenamento en Ferrol. Neste sentido, José Manuel Rey explicou que “a Xunta xa iniciou en xaneiro do pasado ano os traballos para a posta en marcha deste polo, coa implicación do Inega, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e a Axencia Galega de Innovación, así como o propio Concello de Ferrol, con quen se reuniu en varias ocasións para que as dúas administracións solicitaran fondos europeos destinados a concellos prexudicados polo cambio de fontes enerxéticas”.
ESQUECÉRONSE DE SUBSANAR OS ERROS
O deputado popular lamentou que a solicitude de axuda de 2,5 millóns de euros realizada polo Concello de Ferrol para o Centro de Innovación do Naval e Renovables foi rexeitada. “Tiñan tanto interese en reclamar á Xunta que esquecéronse de subsanar os requirimentos da orde do Estado e asinaron a solicitude fóra de prazo”, sinalou.
Respecto dos fondos correspondentes á Xunta, José Manuel Rey explicou que, “como outros fondos europeos, aínda non están dispoñibles, ante o que o Goberno galego xa ten solicitada unha reprogramación que ten que concretar os investimentos elixibles e os criterios de reparto”. Así, apuntou que “agardamos que, aínda que con moito retraso, pronto dispoñamos en Galicia dos fondos comprometidos por Europa”.
José Manuel Rey lembrou que “a Xunta impulsou hai dous anos un Pacto de Estado por Ferrol, do que tres dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados xa están na zona: a planta de hidróxeno de Reganosa e EDP, a factoría de neumáticos de Sentury e o proxecto de metanol verde de Forestal do Atlántico”. “Estas iniciativas, xunto coa fábrica de compoñentes de Nervión Naval no porto de Ferrol e a adquisición da planta de Siemens en As Somozas, permítenos vislumbrar un panorama de diversificación industrial esperanzador”, manifestou.
Para rematar, Rey lamentou que, “a pesar de que os gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León incluíron a Ferrol no Corredor Atlántico de Mercadorías, o novo comisionado do Goberno de Pedro Sánchez non incorporou esta cidade no novo mapa que presentou esta semana”, ao tempo que pediu explicacións aos socialistas sobre a paralización do dique para a transformación do Estaleiro 4.0