Santiago, 14 de febreiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez demandou hoxe no Parlamento que a Xunta remate o Plan de mellora do Hospital comarcal de Monforte, para definir as súas necesidades e planificar a súa execución. Rodríguez salientou que “desde o ano 2012 lévanse investidos neste hospital comarcal máis de un millón de euros, tempo no que tamén se realizaron cerca de 10.500 actos asistenciais por facultativos do Hospital Lucus Augusti de Lugo evitando desprazamentos dos pacientes á capital lucense”.
Julia Rodríguez lamentou que os grupos da oposición “trasladen unha imaxe lamentable do Hospital de Monforte e fagan coa sanidade pública, e particularmente con este hospital, unha modalidade de trile, un trile político no que usan a sanidade para obter réditos políticos sen importarlle a manipulación á que someten aos usuarios, nun dos ámbitos mais importantes da vida como é a saúde”.
Centrándose nas obras e melloras realizadas neste hospital nos últimos dous anos, Rodríguez destacou que en 2016 renovouse toda a planta de cirurxía, melloráronse as consultas de cardioloxía e xinecoloxía; adquiriuse material para cirurxía laparoscópica; así como un monitor de tensión arterial e un ecócardiografo dixital para cardioloxía.
Durante o pasado ano, renovouse a planta de traumatoloxía; cambiáronse as cadeiras en consultas externas; adquiríronse unha nova cama de partos, un monitor desfibrilador, un aparato de fibroscopia para otorrinolaringoloxía e 24 cadeiras de rodas novas; cambiáronse os sillóns, mesillas e armarios de traumatoloxía e cirurxía en 28 habitacións, e dicir para 56 pacientes; adquiriuse un pakímetro para oftalmoloxía; renovouse aparataxe de laboratorio; e adecuáronse as consultas de uroloxía e oftalmoloxía.
“Todo isto se fixo no hospital, pero disto vostedes non lle dixeron nada aos veciños cando os convocaron as mobilizacións”, criticou a deputada popular.
NOVO CENTRO DE SAÚDE NO SAVIÑAO
Respecto do novo centro de saúde do Saviñao, Julia Rodríguez lembrou que esta infraestrutura sanitaria está integrada dentro do plan de mellora de atención primaria que xa foi anunciado tanto polo Presidente da Xunta como polo conselleiro de Sanidade, que contará cun orzamento total de 55,6 millóns de euros.
“Neste momento, o novo centro de saúde do Saviñao atópase en fase de redacción do seu proxecto de construción, que será entregado nos vindeiros días para a súa supervisión polos técnicos da Consellería de Sanidade e posterior licitación da obra”, concretou.