A Comisión 1ª do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria. A deputada popular Carmen Pomar considerou “imprescindible aprobar unha nova lei galega que regule os medios de comunicación de titularidade pública para adaptala á lexislación española e europea, pero, sobre todo, para dotar a estes medios dun marco normativo co que poidan dar resposta aos retos de futuro nun mercado tan competitivo como é o audiovisual”.
“Só dotando aos medios públicos do marco e das ferramentas necesarias, coa transformación e a innovación como piares, se poderá garantir o seu futuro e asegurar a súa viabilidade para que poda seguir cumprindo cando menos outros 40 anos ao servizo da cidadanía galega”, manifestou Carmen Pomar.
Na súa intervención, a deputada popular salientou que este novo texto lexislativo “blinda e reforza como misión fundamental dos medios públicos de titularidade autonómica promover e difundir a lingua galega e dar a coñecer a identidade lingüística de Galicia”. Ademais, subliñou “o impulso que esta nova lei dará á produción propia, garantindo a participación dos grupos sociais, políticos e sindicais representativos, e articulando o protagonismo dos medios públicos no proceso imparable de alfabetización mediática, en colaboración co sistema educativo”.
Carmen Pomar amosou o seu pesar “pola utilización por parte de BNG e PSdeG desta lei como arma arroxadiza política para danar ao Partido Popular”, porque “non queren unha CRTVG independente, senón ao seu servizo, como fixeron cando tiveron responsabilidades durante o Goberno bipartito”.
“A Galicia actual conta cun sector audiovisual sólido, forte e recoñecido internacionalmente, un sector que esta lei axudará a fornecer e consolidar na medida que os medios públicos participarán, xunto coas administracións e o sector, nos diferentes programas orientados a impulsar a produción cinematográfica e audiovisual, a ficción e os documentais”, rematou a deputada popular.