Lugo, 16 de agosto de 2016.- Os deputados populares da comarca de Lugo salientan que “se Lugo é hoxe unha comarca aínda mellor para vivir é, sen dúbida, grazas ao compromiso político de Núñez Feijoo e o seu goberno”.
Durante unha reunión de traballo que celebraron esta mañá na sede provincial do partido, os deputados Jaime Castiñeira, Agustín Baamonde, Isabel García e Daniel Varela destacan que “os lugueses gañamos en calidade de vida cos dous gobernos de Feijoo porque gañamos en servizos sanitarios, gañamos en Educación e, en definitiva, gañamos en atención ás persoas”.
Nesa liña, os populares subliñan que “Lugo ten hoxe máis servizos sanitarios ca nunca, por máis que lles pese a outros grupos políticos”, xa que “o Hospital Universitario Lucus Augusti sumou ás instalacións de vangarda e a un equipo de profesionais de primeira novas prestacións que xa son unha realidade como é o caso da Hemodinámica e o Radioterapia e outras que o serán moi proximamente”, en alusión á Medicina Nuclear.
“Avanzamos en Sanidade pero tamén avanzamos moito en todas as etapas de Educación”, aseguran, xa que “no eido universitario, temos un centro de vangarda á nivel europeo como é o CEBIOVET, mostra do compromiso de Feijoo coa investigación e que tamén se reflectiu no apoio a proxectos de I+D+i do Campus Terra”. Así mesmo, “apreciouse o selo do goberno Feijoo no impulso á Formación Profesional, cun investimento de seis millóns de euros no CIPF das Mercedes ao que tanto se opuxeron outros partidos políticos”. “Todo iso sen esquecer o compromiso orzamentado de máis de 2 millóns de euros para un novo colexio no Sagrado Corazón, os 500.000 euros previstos para a ampliación do CEIP das Mercedes ou a reforma do Rosalía de Castro”, sosteñen.
“En definitiva, estamos diante dun avance innegable”, con “proxectos emblemáticos que outras forzas políticas se cansaron durante anos de prometer pero que non foron máis que fume ata que Feijoo os executou”. Entre eles, os deputados populares da comarca de Lugo aluden ao remate do corredor Lugo-Sarria-Monforte, á creación do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas cun investimento de máis de 125 millóns de euros, á finalización das obras do auditorio da capital ou ao impulso do Polígono das Gándaras.
Os deputados populares recoñecen que “aínda que é certo que o que se fixo xa é moito, somos conscientes de que tamén quedan cousas por facer ás que o Grupo Parlamentario Popular xa ten mostrado o seu aval”, como a construción dunha nova residencia de maiores para a capital. “Se o PP ten amosado do que é capaz en épocas economicamente dificiles, os lugueses imaxinan facilmente o que poderá facer agora que a economía remonta”, conclúen.