Paula Prado del Río
Entender a política é sinxelo: é a ferramenta que nos dá o privilexio de traballar por e para as persoas. Para mellorar a súa calidade de vida, atender demandas e resolver problemas. Así entende a política Elena Candia. Ela e o PP de Lugo queren traballar por e para os veciños. Deron un paso valente á fronte, pensando na cidadanía e en reverter a situación de parálise e bloqueo que vive o concello.
Coas eleccións gañadas e a poucos votos da maioría absoluta levan tres anos traballando na oposición. De maneira intensa, xenerosa e comprometida que agora culmina cunha moción xunto a María Reigosa, que tamén entende a política como un servizo público. Lonxe dos que xeran alboroto e enganos sobre o acontecido, esta moción de ‘impulso’ só ten un fin: darlle a Lugo o que merece. É o momento de rematar con este desgoberno e impulsar medidas que resolvan os problemas da cidadanía.
Iso é o que non foi capaz de darlle Lara Méndez, quen tras anos de goberno de coalición perdeu, outra vez, as eleccións en maio de 2023 para, sete meses despois, ter que escoller entre os seus veciños e veciñas ou ser a sombra de Besteiro no Parlamento galego. Decidiu deixar aos lucenses e aí comezou a inestabilidade de Lugo. Así é o PSOE, un partido que lonxe de xestionar prefire verter xuízos contra os que si queren traballar. Elena Candia teno claro: o seu lugar está ao carón dos veciños.
Por iso tomou a decisión de presentar a moción de censura, unha ferramenta democrática que, curiosamente, só serve cando a usan PSOE e BNG. Falan de “corrupción política baseada no transfuguismo”, pero cando decidiron arrebatar a alcaldía de Noia ao PP -a lista máis votada- non se faltaba ás regras democráticas. Curiosa maneira de entender a política. Como os galegos imos crer na palabra dos que din unha cousa e fan a contraria?
Agora é todo ruído e intentarán confrontar aos lucenses, despregando sobre eles a rabia pola súa incompetencia, pero o tempo dará e quitará razóns. Lugo renacerá da man de persoas que queren devolverlle o que algúns lle arrebataron. Hai outra maneira de facer as cousas e o PP lucense ten un ano para amosar que si se pode, con vontade e responsabilidade. No 2027 regalarannos un Lugo mellor