Santiago, 27 de decembro de 2016.- A deputada do Grupo Popular Lupe Murillo criticou hoxe no Parlamento que o BNG solicite o peche de ELNOSA “sen propor aos cidadáns de Pontevedra unha alternativa de traballo para todas as persoas que pretenden mandar ao paro”. Neste sentido, lembrou que “non corresponde á Xunta o inicio dos trámites de cese de ningunha actividade industrial, sempre e cando esta actividade se estea a realizar amparada polo marco xurídico vixente, ao tempo que é competencia da Administración Xeral do Estado conceder ou denegar a ampliación das concesións de ocupación de terreo en dominio público marítimo-terrestre”.
Lupe Murillo manifestou que “poderíamos compartir o desexo dunha localización diferente de ELNOSA desde os seus inicios, pero non é o noso labor como administración valoralo de forma persoal, senón que debemos manter o rigor e aplicar a normativa da nosa competencia, ademais de vixiar para que esta normativa se cumpra”.
“O noso papel é asegurar, como se está a facer desde hai tempo, que esta actividade quede sometida ás limitacións e controis que garantan a minimización do seu impacto sobre o medio ambiente e a saúde das persoas”, sinalou.
Neste sentido, apuntou que a ampliación da autorización ambiental concedida ata decembro de 2017 está vinculada a que ELNOSA realice unha importante inversión para fabricar cloro-alcalino nas súas instalacións, abandonando a actual tecnoloxía baseada no emprego do mercurio e adaptándose ao marco legal. “A continuidade da empresa dependerá de que finalmente decida asumir a súa reconversión”, subliñou Murillo.
FACER COUSAS IMPORTANTES POLA CIDADE
A deputada popular dirixiuse ao BNG e afirmou que “debemos facer moitas cousas importantes pola nosa cidade antes de chegar aquí e presentar unha proposta sobre a que non temos competencias de actuación e que ademais deixaría a moitas persoas na rúa”. “A nosa imaxe como políticos podería ser moito mellor se dedicamos o noso tempo a emprender accións para que a vida da xente sexa máis fácil e non para que lla compliquemos enviándoos ao paro”, dixo.
En concreto, Lupe Murillo apuntou que “debemos revitalizar o contorno da cidade de Pontevedra, convertela en atractiva para o empresariado, acelerar o PXOM para poder ofrecer o solo industrial do que carecemos, entre outras medidas a impulsar desde o Goberno local”.