Santiago, 3 de maio de 2017.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, reiterou hoxe que a Xunta de Galicia xa confirmou que haberá un plan de emprego feminino. “As mulleres galegas necesitan un plan de emprego feminino, pero o que non necesitan é un plan de emprego socialista”, manifestou en resposta a unha iniciativa do PSdeG debatida esta mañá no Parlamento.
Marián García afirmou que un dos obxectivos da Axenda 20 para o emprego “é acadar que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde no mercado laboral”. “Para iso, a Xunta xa está a traballar na elaboración dun Plan de emprego feminino, ao tempo que está potenciando os plans de igualdade e reforzando a colaboración coa Inspección de Traballo para actuar contra a discriminación de xénero”, indicou.
IGUALDADE DE CONCILIACIÓN
“O PSOE onde goberna aumenta a brecha salarial entre homes e mulleres, e duplica o desemprego, sobre todo o paro feminino”, sinalou a portavoz popular, quen manifestou que “a Xunta non necesita itinerarios socialistas de desemprego nos seus plans de igualdade no traballo entre homes e mulleres”.
Na súa intervención, Marián García salientou que a Xunta de Galicia concedeu o pasado ano máis de 500.000 euros en axudas á elaboración e implantación de plans de igualdade e á conciliación. “Este ano publicaranse de novo estas axudas, promovendo en concreto a certificación dos plans de igualdade das empresas galegas, para os que o Goberno galego incrementou o orzamento nun 27 por cento, así como incentivos para a adopción de acordos nas empresas para fomentar o teletraballo e a flexibilidade”, apuntou.