Lamenta que só 7.210 persoas de 40.370 solicitantes en Galicia percibiron unha renda que tivo máis de propaganda que de realidade
O deputada no Congreso do PPdeG, Marta González, asegurou que é unha crueldade que o Goberno central “teña nun caixón” máis do 60% das solicitudes do Ingreso Mínimo Vital rexistradas en Galicia.
Como apuntou, na nosa Comunidade presentáronse e déronse por válidos 40.370 expedientes de solicitude desta axuda, pero resolvéronse só 16.080, que supoñen o 39,8% do total de peticións válidas. É dicir, o 60,2% (24.290 solicitudes) aínda esperan resposta do Executivo de Pedro Sánchez, evidenciando que esta renda “tivo máis de propaganda que de realidade”.
Nese senso, a parlamentaria lembrou que o Goberno de España xa aprobou unha Lei de dependencia que aínda non paga, “e agora parece que queren facer o mesmo co Ingreso Mínimo Vital nun momento crítico no que moitas persoas precisan unha resposta rápida para poder subsistir”.
Logo de apuntar que do total de solicitudes resoltas en Galicia concedéronse un 44,8% fronte ao 55,16% que foron denegadas (7.210 e 8.870 respectivamente), González manifestou que, por provincias, A Coruña é a máis afectada polo atraso co que traballa o Ministerio de Seguridade Social, resolvéndose un total do 34,8% dos 17.181 expedientes válidos. Deles, un 47,78% concedéronse fronte a un 52,2% que foron denegados.
No caso de Pontevedra, deuse resolución a un 43% das solicitudes válidas, aprobándose un 37,5% e denegándose o 52,5%; en Lugo resolvéronse un 49,7% dos expedientes válidos, entre os que se concederon un 48,6% fronte a un 51,3% denegados; e en Ourense foron resoltos 4.821 expedientes válidos (51,5%) dos que aprobaron un 41,2% fronte ao 58,7% que foron denegados.
Ante estes datos, a deputada resaltou que “non se trata de cifras, son persoas e familias que levan agardando meses por unha axuda que lles foi prometida e que non chega”, reclamando ao Goberno central que tome medidas de inmediato para axilizar os tempos de tramitación desta renda.