Santiago, 6 de febreiro de 2018.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, contrapuxo hoxe as políticas sociais da Xunta fronte aos concellos gobernados por socialistas, En Marea ou BNG. Deste xeito, salientou que, “mentres a Consellería de Política Social supera os 700 millóns de euros de orzamento, logo dun incremento de 293 millóns nos últimos cinco anos, os concellos de Santiago, Vigo e Pontevedra lideran o ránking de municipios oficialmente pobres en servizos sociais”.
Marta Rodríguez apuntou, ademais, que “os concellos gobernados polas Mareas lideran o ránking de concellos oficialmente incumpridores dos seus orzamentos: Santiago ten o 78 por cento sen executar; A Coruña, o 71 por cento; e Ferrol, o 69 por cento”.
RENDA SOCIAL E ESCOLAS INFANTÍS
Na súa intervención, a portavoz popular referiuse ao orzamento destinado pola Xunta á renda de inserción social, que supera neste ano os 62 millóns de euros e beneficiou en 2017 a 14.500 persoas. “Fronte a esta situación, A Marea anunciou que a renda básica municipal en A Coruña ía chegar a un millar de persoas, cando en realidade atenderon a menos dun centenar e dos 2,1 millóns de euros que destinaron a este fin só repartiron 300.000 euros”, explicou.
Respecto das denuncias de supostas privatizacións de servizos sociais por parte da Xunta, Marta Rodríguez subliñou que “a totalidade das escolas infantís de competencia municipal dos concellos de Santiago, Vigo e A Coruña están privatizadas”.