Santiago, 17 de outubro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, afirmou esta tarde no Parlamento que “nunca ata o de agora ten habido un compromiso tan claro do Goberno de España co impulso do AVE a Galicia: temos unha data definitiva para a súa chegada no ano 2019 e temos tamén o compromiso de que será en dobre vía, o que é realmente importante e garantirá os mais altos estándares de calidade”.
Martín Fernández criticou que os socialistas galegos “veñan hoxe ao Parlamento reclamando a chegada do AVE a Galicia para 2018, cando se trata dunha cuestión imposible como consecuencia do bloqueo político sufrido durante o ano 2016 e do que son responsables”.
DAR A CARA
“O actual Goberno central está a dar a cara para explicarnos que Galicia contará con AVE á Meseta en 2019, con visitas do propio ministro a Galicia cada tres meses para explicar a marcha das obras; e co compromiso de que esta liña de alta velocidade será de dobre vía”, sinalou.
Neste sentido, lembrou que no recente Debate sobre o Estado da Autonomía aprobáronse dúas resolucións, coa abstención dos propios socialistas, a través das que se solicita ao Goberno central o cumprimento de todos e cada un dos compromisos con Galicia en materia ferroviaria, tanto no referente a que o AVE estea funcionando en probas no 2019 como no impulso das estacións intermodais das principais cidades galegas.