Santiago, 20 de abril de 2018.- A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, comparecerá no Parlamento galego para informar sobre a situación relacionada coa couza guatemalteca da pataca, logo de que esta mañá rexistrara unha solicitude de comparecencia a petición propia e de que na Comisión 7ª tamén se aprobara por unanimidade que a Xunta informe sobre o avance desta praga e as medidas que se van tomar a fin de erradicala.
O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado subliñou que “a información e a transparencia son o mellor instrumento para xerar tranquilidade” e lembrou que a Consellería do Medio Rural “xa ten informado repetidamente no Parlamento sobre a praga da couza da pataca”.
RESULTADOS ESPERANZADORES E POSITIVOS
Neste sentido, lembrou que os responsables da Consellería “en ningún momento falaron da erradicación da praga, senón dos resultados nos trampeos e outros indicadores, certamente esperanzadores e positivos, que se van obtendo na zona afectada actualmente baixo corentena”.
Gómez Salgado incidiu que “mostra desta transparencia e compromiso de información son as reunións, a instancias da Consellería, celebradas pola Comisión de seguimento da couza guatemalteca, a última delas realizada o pasado 11 de abril para informar aos membros da aparición do foco no concello de Muxía e das medidas adoptadas ata o momento e das previstas no futuro”.
“A Consellería do Medio Rural e os seus técnicos están a facer un traballo serio, rigoroso e constante na procura do control e erradicación desta praga, malia as dificultades que entraña loitar contra este parasito que ten o seu ciclo baixo terra e se agocha no interior da pataca”, sinalou.