Santiago, 6 de outubro de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, salientou hoxe no debate das propostas de resolución presentadas polos grupos parlamentarios no Debate sobre o Estado da Autonomía que as 40 presentadas e aprobadas do PPdeG “teñen como único obxectivo mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns, atender as súas demandas e dar resposta as súas necesidades”.
Na súa intervención no Pleno, o viceportavoz popular agradeceu a boa predisposición ao diálogo atopada entre os socialistas sobre todo no apartado institucional, e lembrou que PPdeG e PSOE teñen «moito marxe para chegar a un entendemento nas cuestións fundamentais”. En concreto, salientou as nove propostas de resolución que se aprobaron no Debate sobre a Autonomía co voto conxunto favorable de PP e PSOE.
Tellado insistiu que o Grupo Popular presentou unha batería de propostas de resolución «que emana da maioría parlamentaria que nos deron a maioría dos galegos».
Neste sentido, recordou que as 40 propostas de resolución levou unha ampla variedade de medidas que se agrupan en bloques temáticos: aquelas que están enfocadas á recuperación do emprego e a economía; as que apostan polos sectores produtivos do presente e o futuro; as de reforzo das infraestruturas e a vertebración de Galicia; e a mellora das políticas sociais na Comunidade galega.
Por último, Miguel Tellado defendeu unha serie de propostas de resolución nas que se reitera o compromiso do PPdeG coa legalidade vixente, co marco Constitucional e coa adhesión á mensaxe ofrecida pola súa Maxestade o Rei en relación á actual situación catalana. «Cremos que todos os que queiran chamarse demócratas deberían respectar estes principios mínimos de convivencia e estes valores constitucionais», pechou.