O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou hoxe que esta formación política se sinte plenamente identificada nas verbas pronunciadas onte pola Súa Maxestade El Rei. Así, considerou que Felipe IV acertou na diagnose da actual situación do país e tamén no tratamento que debería seguir para continuar avanzando cara ao futuro.
“A receita aconsellada polo Rei baséase na solidariedade territorial, na busca da cooperación entre todos para seguir percorrendo xuntos o camiño que iniciamos hai 40 anos”, afirmou, e engadiu que o discurso foi valente e responsable.
A modo de exemplo, destacou que o monarca non esqueceu ningún dos temas que preocupan aos españois, como o desafío soberanista ou a situación económica que aínda que é cada vez mellor segue a ser motivo de preocupación para miles de persoas. Tamén puxo en valor outras referencias como a loita contra novos desafíos como o terrorismo yihadista que este ano puxo a súa mirada tamén no noso país, así como a violencia de xénero e o cambio climático.
Tellado valorou que Felipe IV puxera en valor os logros acadados nos últimos anos e lembrou que todos eles foron conquistas baseadas nun espírito integrador que foi clave para chegar ata aquí. Así mesmo, subliñou o recoñecemento do monarca dun país con marxe de mellora pero que igualmente apostara por non esquecer os nosos logros como pobo.
“Felipe IV representa máis que nunca a todos os españois cando expresa a súa defensa da Constitución e do noso ordenamento xurídico”, engadiu, e considerou que “a equidistancia non é unha opción fronte aos que non dubidan en alterar a convivencia de todo un país”.
Nesta mesma liña, apuntou que non foi o discurso onde se poden sentir cómodos os separatistas nin aqueles que se avergoñan da nosa propia historia recente. “Pero si foi unha intervención na que a inmensa maioría dos españois poderían subscribir”, resolveu.
Tellado concluíu que o Rei pode contar co PPdeG na defensa dos principios defendidos onte no seu discurso e ter a completa seguridade de que “compartimos obxectivos e inquedanzas”.
Neste senso, finalizou asegurando que mentres que os populares galegos teñan responsabilidade de goberno na Comunidade, Galicia será un territorio leal e responsable coa Constitución e co Estado das Autonomías, así como co ordenamento xurídico e todas as institucións do Estado. “E iso inclúe a Monarquía e ao seu Rei”.