Santiago, 21 de agosto de 2019.- O vicevoceiro do Grupo Popular Miguel Tellado indicou hoxe en rolda de prensa que “desde o PPdeGalicia queremos sumarnos a preocupación de toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal sobre a incerteza no futuro da central térmica de As Pontes”. Así, indicou que “non estamos en contra da transición ecolóxica, pero o que pedimos son medidas paulatinas, progresivas, que non poñan en perigo o emprego dos galegos”.
O vicevoceiro popular recordou que a paralización da actividade durante os últimos catro meses está afectando a preto de 750 familias e provocando “consecuencias irreparables para toda a comarca”. Ante esta situación, inidicou que o Grupo Popular presentou varias iniciativas na Cámara galega reclamando a implicación do Goberno socialista na busca de solucións que permitan garantir o futuro da central térmica ata o final da súa vida útil, fixado para o ano 2014.
“Desde Galicia propoñemos o establecemento dunha exención das medidas fiscais, que se fixen retribucións específicas nos casos que se utilice, por exemplo, biomasa forestal, ou a eliminación do céntimo verde ao carbón, ademais de abordar os mecanismos de compensación polas emisións de CO2”
“Cremos que é cinismo político que o Goberno de Pedro Sánchez trate de pechar as centrais térmicas antes que ninguén en toda Europa, ao tempo que permite que entre na Red Eléctrica Española electricidade máis barata producida por centrais térmicas ubicadas en Marruecos, que non cumplen ningún tipo de directiva comunitaria que restrinxe as emisións contaminantes” .