Santiago, 20 de novembro de 2017.- O viceportavoz parlamentario do Grupo Popular, Miguel Tellado, reprochoulle este luns á oposición no Pleno do Parlamento a súa “falta de rigor, improvisación e irresponsabilidade” na presentación das emendas parciais aos orzamentos da Xunta para 2018.
Neste sentido, subliñou que “a súa proposta estrela deste ano foi a mesma do ano pasado”, que é a de subirlle ata 500 millóns de euros os impostos a todos os galegos, “mal calculados e algúns deles xa recorridos nos xulgados, coma o de grandes superficies”.
Miguel Tellado sinalou que, mentres a oposición aposta por un modelo de “saqueo tributario, que ademais é profundamente insolidario coas vindeiras xeracións”, o Goberno galego opta por “baixar impostos, gastar só o que ten, pagar o que debe e non lastrar nin o presente nin o futuro de Galicia”. Arredor disto, incidiu na idea de que, ademais do aumento da carga fiscal actual, incrementar a débeda como piden os tres grupos minoritarios implicaría unha nova suba de impostos en vindeiros exercicios.
MESMO COMPÁS QUE O PASADO ANO
Sobre a ausencia de rigor do global das emendas, o viceportavoz popular lamentou que a oposición pida que con carácter xeral se baixe “a cero” as partidas para dotar ás consellerías do persoal eventual, de teléfono e material de oficina ou de mantemento de equipos informáticos e seguros.
En definitiva, Tellado opinou que a oposición se atope no mesmo “compás de espera do ano pasado, cando o debate de Orzamentos os pillou aínda con pouca experiencia parlamentaria”. Sobre este punto, lamentou que os grupos minoritarios vivisen outro exercicio no que “estiveron máis ocupados coas súas liortas internas que en facer algunha proposta seria para Galicia”.