Santiago, 18 de novembro de 2019.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, criticou este luns, no debate das emendas transversais dos Orzamentos para o ano 2020, que a oposición pida unha suba de impostos de 704 millóns de euros, que repercutirían en todos os contribuíntes galegos.
“Hai elementos que non cambian, ano a ano neste debate, e un dos máis significativos é o sablazo fiscal que traen a esta Cámara, xa sexa por creación de novos impostos ou por suba dos xa existentes”, sinalou, para detallar que o BNG propón un incremento de 232 millóns de euros, o PSdeG 171, o Grupo Común da Esquerda 140 e o Mixto 161.
Ante as propostas fiscais dos catro grupos da oposición da Cámara galega, Tellado prognosticou que “o Goberno de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, que todos vostedes van apoiar, será nefasto para España: deixarán máis paro, máis impostos e máis débeda”.
Así, volveu reivindicar a “normalidade excepcional” dunha Xunta que presentou un exercicio máis uns Orzamentos en tempo e prazo” e preguntouse “cantos poderá aprobar o bipartito PSOE-Podemos no tempo que dure o seu mandato”.
Por outra banda, o viceportavoz afeoulles que, “como cada ano, volvan pedir que na Xunta se goberne sen teléfonos, sen bolígrafos e sen gabinetes”, e lembroulles que o primeiro que fixo Sánchez na súa chegada á Moncloa foi “incrementar un 30 por cento o gasto en ministerios e un 25 por cento en asesores con respecto ao Goberno Rajoy”, así como que a Xunta actualmente segue a gastar un 22 por cento menos neste capítulo do que desembolsaba o bipartito no seu último ano.