Santiago, 18 de outubro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco salientou hoxe no Parlamento o “traballo serio, rigososo e constante que está a realizar a Xunta para facerlle fronte aos danos causados polos fenómenos climatolóxicos adversos”.
Neste sentido, referiuse á nova liña de axudas aprobada, por importe de 3,5 millóns de euros, para o financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas, de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia e a xeada.
No debate no Pleno dunha iniciativa do BNG sobre a seca, Moisés Blanco sinalou que “chegan tarde porque a Xunta xa dispón de axudas, que atenderán todas as solicitudes que se realicen, para facilitar o acceso das explotacións agrarias afectadas a préstamos bonificados, a custo cero, para financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos”.
AXUDAS PARA A SECA
Respecto dos danos ocasionados pola seca, o deputado popular dixo que a Xunta xa ten elaborado un informe para avaliar sa situación que vive Galicia desde finais do ano 2016, que está afectando de xeito importante tanto á produción de forraxes como ao subministro de auga ás propias explotacións.
Neste sentido, sinalou que “a Xunta xa dispuxo dunha serie de medidas para facer fronte a esta situación de xeito inmediato, como a orde de axudas para garantir o subministro de auga as explotacións gandeiras, a través das que se subvenciona ata o 50 por cento do investimento cunha partida orzamentaria de un millón de euros para os anos 2017 e 2018”.
Esta orde será de aplicación a todas as explotacións agrícolas ou gandeiras de Galicia, dado que en todo o territorio da comunidade galega está declarada a situación de prealerta ou alerta por seca no ano 2017, nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil e do Douro.