Nazareth Cendán Gayoso tomará posesión na próxima sesión plenaria como deputada do PPdeG no Parlamento de Galicia, ocupando o lugar de Ethel Vázquez Mourelle, quen recentemente presentou a súa renuncia por motivos persoais.
A carreira de Nazareth Cendán, licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña, abrangue diversos sectores, destacando especialmente o seu paso polo ámbito bancario e pola consultoría en Responsabilidade Social Corporativa (RSC), onde se implicou en proxectos de impacto social e desenvolvemento económico.
Desde 2017, desenvolve o seu labor no Gabinete da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, onde participou activamente na planificación e xestión de políticas vinculadas ao sector pesqueiro e ao desenvolvemento sostible das zonas costeiras. Ademais, foi concelleira do Partido Popular no Concello da Coruña durante o mandato 2019-2023, onde exerceu como responsable das áreas de Turismo, Comercio, Mercados e Festas, e estivo moi involucrada na área de Cultura.
A nova deputada amosa a súa gratitude pola confianza depositada nela e subliña que continuará a traballar con dedicación para mellorar as condicións de vida e benestar das galegas e galegos, co obxectivo de seguir coas liñas de traballo iniciadas polo Partido Popular e impulsar novas iniciativas de benestar e progreso para a nosa terra.