Santiago, 23 de marzo de 2016.- Alberto Núñez Feijóo anunciou hoxe a convocatoria dun concurso de ideas para a nova Cidade de San Caetano, que integrará a estación de autobuses de Santiago no complexo administrativo de San Caetano. “Deste xeito garantimos o aproveitamento desta infraestrutura, propiedade da Xunta de Galicia, unha vez que se constrúa a nova intermodal onde está a actual estación ferroviaria”, indicou o presidente.
A estación está outorgada en concesión á empresa municipal de transportes, Tussa, pero Feijóo amosou o seu convencemento “de que chegaremos a un entendemento co Concello de Santiago para unha rescisión de mutuo acordo”. De feito, un protocolo asinado en outubro de 2009 entre o Goberno galego, o Ministerio de Fomento e o Concello de Santiago indicaba que, unha vez rematada a intermodal, a actual terminal sería devolta á Xunta para o uso administrativo.
“Os participantes neste concurso de ideas deberán propoñer xeitos de reformar, ampliar —se procede— e transformar a Estación de Autobuses nun edificio administrativo funcional”, dixo o presidente. A Cidade de San Caetano solucionará varios problemas: resolverá a demanda de aparcamento que se poida xerar, abrirá novos accesos para vehículos e peóns e permitiranos albergar unha gardería para os fillos dos empregados públicos que facilitará a conciliación laboral.
Espérase que as instalacións dean cabida a 1.300 traballadores da Xunta que hoxe ocupan outros inmobles e avanzar así cara ao obxectivo de que todos os empregados públicos dos servizos centrais estean no mesmo recinto. “Queremos dignificar así os empregados públicos, que achegaron boa parte da súa nómina durante a recesión”, reivindicou.
O concurso de ideas será convocado nas vindeiras semanas e os interesados terán dous meses para presentar as súas propostas. O xurado concederá tres premios: o primeiro, de 30.000 €, o segundo, de 20.000 € e un accésit de 10.000 €.
Enmarcado no Plan de Alugueiros
A creación da Cidade de San Caetano está enmarcada no novo Plan de Alugueiros, que aspira a reducir nun 76% o gasto en arrendar inmobles, camiñando cara a unha política de alugueiros cero e acadando un aforro de 5,65 millóns de euros ao ano. O obxectivo último é que “todas as oficinas públicas estean en espazos da titularidade da comunidade autónoma”, segundo precisou Feijóo.
Buscamos aproveitar ao máximo o patrimonio da Xunta, algo que conseguiremos concentrando os espazos administrativos en complexos coma o novo San Caetano e xestionando de forma unificada o patrimonio autonómico. Ademais, así conseguiremos tamén mellorar a atención ás galegas e aos galegos.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/Y7IX_1d4j-E» frameborder=»0″ allowfullscreen ]