Santiago, 14 de xaneiro de 2022.- Os dous expertos que compareceron esta mañá na Comisión de estudo sobre o novo modelo de financiamento volveron insistir en rexeitar a extensión do cupo foral a todas as comunidades autonómicas, chegando a cualificar esta medida como “erro económico e tamén político”.
Así mesmo, avogaron por mellorar o sistema de financiamento actual, opoñéndose á cesión do imposto de sociedades ás comunidades e demandando correccións á proposta elaborada polo Goberno central baseada na poboación axustada. Ambos expertos tamén se amosaron favorables a que o conxunto dos recursos se repartan procurando unha nivelación de todos os servizos públicos, incorporando cuestións como a dependencia, a vivenda, a xustiza, etc.
Tanto o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga, como o doutor de Economía Aplicada e síndico maior da Sindicatura de Contas do Principado de Asturias, Roberto Fernández-Llera, coincidiron na súa oposición á xeneralización do cupo foral, considerando máis importante mellorar o sistema de financiamento actual con correccións e cambios para que cumpra mellor a súa función.
REFORZO DA AUTONOMÍA TRIBUTARIA MALO PARA GALICIA
“O reforzamento da autonomía tributaria das comunidades autónomas tería un mal resultado para Galicia”, indicou Fernández Leiceaga, quen tamén avogou por levar a cabo melloras en impostos como o de sucesións ou doazóns. Ademais, pediu unha maior flexibilización nas regras de gasto, con preferencia para as comunidades cumpridoras como Galicia.
Pola súa banda, Fernández-Llera sinalou que “non se pode seguir coa desmontaxe por pezas do entramado fiscal” en España, e demandou potenciar o Fondo de Compensación Interterrorial para que as autonomías poidan atender todas as cuestións recollidas na Constitución.
Respecto da proposta de habitante axustado para o cálculo das necesidades de gasto das comunidades autónomas remitida polo Goberno central, os dous comparecentes coincidiron na necesidade de incrementar a porcentaxe de recursos que se distribúen por “causas xeográficas” que, como a dispersión, encarecen significativa a prestación de servizos públicos esenciais como a sanidade, educación ou políticas sociais.