Santiago, 3 de marzo de 2017.- O portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, asegurou hoxe que o Goberno central “cumpriu con axilidade” dando unha resposta rápida ás sentenzas sobre a devolución das cláusulas chan por parte das entidades financeiras, aprobando un Real Decreto-Lei a través do que no prazo máximo de tres meses as entidades deben responder ás reclamacións dos afectados.
Castiñeira manifestou que “ás únicas ás que non lles gustou o Real Decreto-Lei foi ás entidades financeiras”, aínda que distinguiu entre “aquelas que de inmediato se puxeron mans á obra e outras que puxeron reparos a aceptalo”.
PROCEDEMENTO
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que o Goberno central aprobou o Real Decreto-Lei o pasado 20 de xaneiro, unha norma que foi validada polo Congreso dos Deputados o 31 do mesmo mes.
A través deste decreto, as entidades financeiras dispoñen do prazo de un mes para habilitar un sistema que sexa coñecido polos afectados para que poidan presentar as súas reclamacións, que en tres meses terán que ser respondidas presentando un cálculo da devolución das cláusulas chan ou motivando a denegación da devolución. Ante esta resposta das entidades financeiras, os usuarios poderán aceptar a proposta ou acudir á vía xudicial se consideran que non se atenden as súas demandas.