Santiago, 20 de febreiro de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, afirmou hoxe no Parlamento que “a Xunta fai un seguimento exhaustivo todas as semanas das actuacións do Goberno do Estado en Galicia, a fin de garantir os investimentos estatais na Comunidade galega”.
Fernández Prado avanzou que “o Goberno galego tamén está facendo un intenso traballo no camiño de garantir que nos orzamentos do Estado para 2018 se inclúan as partidas que aseguren infraestruturas estratéxicas para Galicia, como a conexión de alta velocidade coa meseta en 2019”.
DEFENSA DOS INTERESES DOS GALEGOS
Así mesmo, o portavoz popular lembrou que no BNG “presumían de que Madrid destinaba a Galicia o 8 por cento dos orzamentos do Estado durante a etapa do Goberno bipartito, e agora estean a criticar que no 2017 esta porcentaxe estea incrementada ata o 11 por cento”.
“O Goberno galego defendeu e defende en todo momento os intereses dos galegos, esixindo ao Goberno central maior implicación cando así o considera necesario, pero tamén traballando intensamente no ámbito das súas competencias e responsabilidades”, apuntou.