Santiago, 24 de xaneiro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se demanda a realización de campañas específicas de concienciación sobre a violencia de xénero que teñan en conta as peculiaridades da sociedade rural, implicando nelas tamén ós servizos sociais máis próximos ás mulleres rurais, así como ás entidades sociais presentes no entorno.
Así mesmo, e logo da transacción acordada entre o Grupo Popular e os socialistas, incorporouse solicitar á Xunta que afonde neste ano 2018 nas actuacións coordinadas e en colaboración coas asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños na prevención e na sensibilización da violencia de xénero, para contribuír á detección dun delito en moitos casos invisible e no que a colaboración de todos os axentes, entidades e persoas é clave para ofrecer axuda ás vítimas.
A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, afirmou que “como sociedade temos que dar un salto cualitativo na loita contra a violencia de xénero, para o que é importante o crecemento na concienciación social”.
Deste xeito, desde o Grupo Popular considérase fundamental “o papel da veciñanza na prevención e sensibilización da violencia de xénero, porque son en moitos casos os veciños e as veciñas as que están máis preto dunha muller que é maltratada”.