Santiago, 19 de abril de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento que elabore e aprobe un Plan de actuación para eliminar os puntos negros da Rede de estradas do Estado en Galicia.
A deputada popular Julia Rodríguez rexeitou os “datos alarmistas” utilizados polos grupos da oposición nas súas intervencións, explicando que os datos que utilizan do informe EuroRap “non poden ser tidos en conta porque non se corresponden coa realidade pola metodoloxía empregada nin cos datos que manexa o Ministerio de Fomento”.
ACTUACIÓNS DE TODAS AS ADMINISTRACIÓNS
Na súa intervención, Rodríguez subliñou “a importancia de que todas as administracións, no marco das súas competencias, leven a cabo as actuacións precisas para mellorar o estado das estradas, a fin de garantir a maior seguridade viaria para os seus usuarios”.
“Así o ven facendo a Axencia Galega de Infraestruturas no marco das estradas pertencentes á Rede Autonómica de Estradas de Galicia, do mesmo xeito que hai que esperar que o fagan Concellos e as Deputacións respecto das estradas da súa titularidade, e como non o Estado respecto das estradas nacionais”, lembrou.
Deste xeito, Julia Rodríguez apuntou que “as actuacións de mellora da seguridade viaria, definidas polos resultados dos estudos de accidentalidade e seguridade viaria elaborados polo Ministerio de Fomento, teñen contribuído á progresiva redución do número de vítimas mortais na rede de estradas estatais”.