Santiago, 15 de febreiro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dun amplo acordo en defensa da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo na factoría de Ferroatlántica de Cee-Dumbría, ao acadar un texto transaccionado sobre unha iniciativa dos grupos do PSdeG e o BNG.
O viceportavoz popular, Miguel Tellado, lembrou que non hai proposta de venta das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande enriba da mesa da Xunta e que “cando a haxa, a única saída é cumprir a lei”. Deste xeito, no texto aprobado ínstase ao Goberno galego a traballar con Ferroglobe para conseguir un plan de modernización das fábricas que posúe en Galicia que conte co maior apoio social e sindical.
CONTACTO CONSTANTE
Na súa intervención, Tellado volveu poñer enriba da mesa que desde o final do ano pasado tanto o Goberno galego como o Grupo Popular mantivéronse en contacto constante cos traballadores de Ferroatlántica e cos alcaldes da zona, que deron conta aos veciños do tratado en numerosas reunións. A estes encontros acudiron tanto o conselleiro Francisco Conde como o presidente Alberto Núñez Feijóo, e lembrou que “as súas explicacións deixaron satisfeitos a sindicatos e rexedores socialistas e nacionalistas”.
Neste sentido, o viceportavoz reprochoulle á oposición que intente “axitar o medo” entre a cidadanía da zona, malia que o “rotundo compromiso” da Xunta quedou contrastado en todo este tempo. “Vostedes quixeron botarnos á Costa da Morte enriba, pero a realidade desmontou as súas mentiras”, concluíu.