Santiago, 26 de setembro de 2017.- A Lei 9/2011, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, é consecuencia da necesaria adaptación ó novo contexto social, económico e técnico, explicou hoxe no pleno do Parlamento a deputada popular Raquel Arias e, segundo salientou, “froito do consenso entre populares e socialistas”.
“É posible que o seu desenvolvemento non vaia todo o rápido que quixéramos pero os cambios necesarios e marcados na propia lei non se poden facer dun día para outro. En calquera caso, estanse a facer con pasos firmes e con éxito”, asegurou.
No tempo que leva vixente a lei, ademais da creación da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, que supuxo a unificación de tres entidades distintas en unha, e de desenvolver a “necesaria e obrigada adecuación ás novas tecnoloxías”, proceso de dixitalización que rematará no primeiro semestre de 2018, foi aprobado o mandato marco; o Consello de Administración elaborou un novo regulamento, un proxecto de normas de publicidade, e está a traballar na redacción dos principios de programación e do estatuto profesional, que contempla a creación dun Consello de Informativos. “Un Consello de Administración que está a tomar as decisións por unanimidade”, recalcou Arias.
LÍDER DE AUDIENCIA
Raquel Arias puxo en valor que “a galega é unha das poucas corporacións autonómicas coas contas saneadas, ata o punto de que, ademais de non ter débeda, nos últimos anos rematou os exercicios con superávit”. “Outras teñen unha situación moi diferente: a televisión catalá, por exemplo, pese a ter 200 millóns de euros máis de orzamento, a súa débeda ascende a case 100 millóns; e a andaluza, a preto de 62 millóns”, concretou.
Ademais, a CRTVG presenta unha reducida conflitividade laboral e ten excelentes índices de audiencia. “A TVG rematou 2016 como líder no conxunto das canles autonómicas e mantén a tendencia: foi a canle autonómica máis vista nos primeiros oito meses do ano”, salientou Raquel Arias, quen indicou que “este liderado é resultado do traballo dos profesionais, que o desenvolven con rigor, neutralidade, pluralidade e obxectividade”.
A súa principal referencia son, de feito, os servizos informativos (o telexornal é o máis visto de todas as autonómicas na faixa do mediodía), o que, en opinión da deputada do Grupo Popular, non concorda coas acusacións de manipulación que esgrime a oposición.