Santiago, 7 de novembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega asegurou hoxe no Parlamento que “a dotación dunhas boas comunicacións ao rural galego se traducen en riqueza e na xeración de postos de traballo”.
Neste sentido, Daniel Vega salientou que a Xunta de Galicia “ten na actualidade a disposición de todos os concellos galegos 16 millóns de euros de fondos propios para a mellora dos camiños de titularidade municipal”. Trátase dunha convocatoria acordada coa Federación Galega de Municipios e Provincias, polo que o importe da axuda que corresponde a cada concello virá determinado pola poboación, a superficie, o grao de despoboamento, o grao de envellecemento e o nivel de agrariedade.
O deputado popular subliñou que “se queremos fixar poboación no rural e loitar por combater a redución da demografía é fundamental investir nas infraestruturas”.
“Escoitamos e seguimos apostando polo rural galego”, asegurou Daniel Vega, quen apuntou que “non cunha vocación ruralista, senón porque cremos que hai que fixar poboación e impulsar ás industrias”.