Santiago, 19 de abril de 2018.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, avanzou hoxe a previsión de que as obras de rehabilitación do Pazo do Bispo en Ourense poidan iniciarse no outono do presente ano. “Para isto, é necesario que o Goberno central aprobe os orzamentos do Estado, polo que demandamos ao Partido Socialista o seu apoio para sacar adiante as contas e se poidan executar estas obras”, manifestou.
César Fernández subliñou que “foron gobernos do Partido Popular os que están a impulsar a rehabilitación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, tanto desde o Goberno central, como desde a Xunta e o Concello ourensán”.
MODIFICACIÓN PUNTUAL
En concreto, lembrou que para a rehabilitación do Pazo do Bispo “foi necesario facer unha modificación puntual do Plan Especial de protección e reforma interior do núcleo histórico de Ourense”. Deste xeito, o Concello aprobou o pasado 24 de novembro esta modificación puntual, que permitirá a execución das obras.
“A previsión é que, unha vez se aproben os orzamentos xerais do Estado, a Xerencia de Infraestruturas do Ministerio de Cultura convoque o concurso para adxudicar as obras de rehabilitación do Pazo do Bispo”, indicou, polo que demandou aos deputados socialistas que “se é verdade o seu interese por este edificio ourensán, apoien a aprobación dos orzamentos do Estado que neste momento se están a tramitar nas Cortes Xerais”.