Santiago, 12 de decembro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández, avogou hoxe por “insistir na autovía do novo trazado entre Vigo e O Porriño, cuxo proxecto está redactando o Ministerio de Fomento, porque deste modo darase unha alternativa funcional á autoestrada A-55”.
Martín Fernández recoñeceu que esta zona “soporta unha gran densidade de infraestruturas”, pero subliñou que “o novo trazado proposto para a autovía discorre na súa maior parte en túnel, polo que o impacto será mínimo”.
Porén, o portavoz popular manifestou que “é necesario seguir demandando ao Ministerio de Fomento a continuación de medidas de mellora na seguridade viaria na A-55”. Neste sentido, indicou que o Ministerio “vén desenvolvendo accións que conseguiron limitar o alcance e gravidade dos accidentes que se producen nesta autoestrada”.