Santiago, 21 de marzo de 2018.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, defendeu hoxe que a tramitación parlamentaria do novo Plan Forestal se faga no seo da Comisión de Estudio creada ao efecto e de acordo co seu plan de traballo. “Nese marco é onde, coas aportacións de todos os grupos parlamentarios e dos comparecentes, poderemos configurar un acordo de pais para acadar un modelo de monte multifuncional, vivo, sustentable e que proporcione rendibilidade económica aos seus propietarios, e tamén rendibilidade o conxunto da cidadanía galega”, apuntou.
José González lembrou que en 2015 iniciouse o proceso de revisión do Plan Forestal, para o que se creou un grupo de traballo dentro do Consello Forestal de Galicia integrado por 26 organismos e colectivos representantes dos axentes sociais, económicos e ambientais implicados no sector forestal galego.
PRIMEIRO BORRADOR
O pasado 18 de decembro presentouse no Consello Forestal de Galicia o borrador da primeira revisión do Plan Forestal, polo que neste momento o documento atópase en período de alegacións. “O seguinte paso será a aprobación inicial desta primeira revisión por parte da Consellería do Medio Rural, que posteriormente será publicado e se someterá aos trámites de información pública por un prazo mínimo de dous meses”, engadiu.
Así mesmo, José González referiuse á Comisión de estudo sobre Política Forestal creada no Parlamento galego, que no seu plan de traballo incorpora o borrador do Plan Forestal recentemente remitido pola Consellería ao Parlamento. “A tramitación parlamentaria do Plan Forestal ten que facerse no seo desta Comisión”, sinalou.