Santiago, 7 de marzo de 2018.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, avogou hoxe porque “o fomento da igualdade ten que facerse desde a educación, desde un punto de vista amplo e que abrangue ás familias, os medios de comunicación, o sistema sanitario, a xustiza ou as administracións”.
García Míguez manifestou que “Galicia dispón dun sistema educativo que é coeducativo e igualitario”. Neste sentido, lembrou que “temos un plan de igualdade nos centros educativos, a Lei de convivencia e participación, un novo portal de igualdade e a Estratexia galega da convivencia Educonvives”.
NOVO CICLO FORMATIVO
Así mesmo, apuntou que a posta en marcha neste curso dun novo ciclo formativo de promoción da igualdade de xénero en formación profesional, ao tempo que os centros educativos contan coa materia de libre configuración autonómica Igualdade de xénero, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO.
A portavoz do Grupo Popular referiuse, ademais, á enquisa sobre a convivencia nos centros de ensino galego realizada pola Consellería de Educación. “Os resultados deste traballo son transcendentais: a maior parte dos enquisados consideran que a convivencia mellorou nos últimos tres anos e a evolución positiva multiplica por catro a negativa; máis do 80 por cento dos colectivos consultados aprecian que non hai problemas de convivencia ou que se dan casos puntuais; e cerca do 85 por cento das familias declaran que os seus fillos non teñen padecido ningunha conduta contraria á convivencia”, indicou.
“Os datos son positivos e optimistas e amosan unha aposta firme desde o sistema educativo galego pola coeducación e a igualdade”, afirmou Marián García.