Santiago, 3 de outubro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernandez Prado, criticou esta tarde no Parlamento que “os grupos da oposición estean a protagonizar unha batalla entre eles intranscendente por capitanear a demanda da transferencia da AP-9 a Galicia, cando a verdade é que desde o Goberno galego e o PPdeG seguimos reclamando este traspaso e estudando as posibles novas medidas legais que se poidan adoptar para conseguilo”.
Martín Fernández lembrou que a solicitude de transferencia da AP-9, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, “é para mellorar a xestión e as prestacións desta autoestrada”, polo que alertou de que “non se pode enganar aos galegos dicindo que este traspaso significaría a supresión das peaxes”.
QUEREN ENGANAR COAS PEAXES
“Se hoxe volvemos a debater sobre o traspaso da AP-9, logo de que xa o fixéramos no Pleno do pasado mes de xuño, é polo interese de continuar coa estratexia de confusión e demagoxia que os grupos da oposición queren crear en torno a este tema”, criticou o portavoz popular.
Así mesmo, salientou os avances conseguidos polo Goberno galego nos últimos anos respecto da AP-9, como a creación da Comisión conxunta para a xestión da autoestrada ou evitar o pagamento das peaxes de Rande e A Barcala, que suporán un aforro total para a economía galega superior aos 400 millóns de euros”.
“É importante saber que a situación que se corrixe con esta decisión do actual Goberno central ten a orixe no acordo asinado polo Goberno bipartito da Xunta polo que a Administración galega pagaba o 50 por cento do custo destas peaxes na AP-9”, lembrou Fernández Prado.