Santiago, 24 de maio de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, acusou esta mañá no Parlamento ao BNG de pretender “enganar aos galegos ao equiparar o rescate das concesións das radiais de Madrid coa transferencia da AP-9 á Comunidade galega”.
Fernández Prado explicou que “o chamado rescate das radiais é unha situación sobrevida por unha quebra dunha concesión pública e existe un contrato que hai que cumprir e unha lei que obriga ao Estado a facerse cargo das concesionarias quebradas para non ter que pechalas e perder un servizo público”. “A Administración central ten por lei unha responsabilidade patrimonial á que ten que facer fronte, polo que non é unha opción senón unha obriga legal”, apuntou.
O portavoz popular manifestou que “a reversión faríase buscando unha fórmula que non computase como débeda pública, polo que ou ben se volverían licitar ou ben serían explotadas por unha empresa pública que iría amortizando a débeda con cargo ás peaxes, pero sempre con peaxes e sen poñer eses cartos do que falan”.
Neste sentido, lembrou que o BNG “debería saber de que se fala, porque o Goberno bipartito do que formaban parte deixou establecidas responsabilidades patrimoniais por valor de máis de 200 millóns de euros nos contratos concesionais que asinou”. “O que nos estraña é que vostedes se sorprendan agora destas responsabilidades patrimoniais e fagan demagoxia con elas, cando as utilizaron cando as necesitaron”, indicou.