Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos criticou hoxe aos socialistas galegos que presenten unha proposición non de lei pedindo melloras nas infraestruturas xudiciais da provincia de Pontevedra “cando acabamos de celebrar o debate dos orzamentos para 2017 e non presentaron emenda algunha para afrontar as tan imprescindibles obras”.
Alberto Pazos manifestou que, “fronte á afirmación dos socialistas de que nada se ten feito nos xulgados de Pontevedra, Vigo, Cambados, Vilagarcía, A Estrada e Tui, o actual Goberno galego ten executado ou licitados 26 millóns de euros nos últimos anos nestes edificios, á marxe de investimentos futuros como a execución da Cidade Xudicial de Vigo ou o proxecto de execución dos novos xulgados de Tui”.
EDIFICIOS SEN TRABALLADORES
“Entendo que estes investimentos parécenlles insuficientes e que aspiran a recuperar os niveis de investimento do Goberno bipartito: 3,3 millóns de euros”, indicou o deputado popular, quen subliñou á oposición que “o actual Goberno galego investiu máis só na cidade de Vigo, sen executar a Cidade da Xustiza, que vostedes en todo o país”.
Así mesmo, Pazos referiuse a unha emenda do Grupo Socialista aos orzamentos da Xunta para 2017 na que destinaban 600.000 euros para o novo Xulgado de Tui, reducindo unha partida de 1.247.000 euros que tamén se destinaba a material de oficina, informático, bases de xurisprudencia, bases lexislación e códigos legais. “Explíquelles aos funcionarios que o seu prantexamento é que se fagan novos edificios para que ninguén traballe neles”, apuntou.
“Iso é o que lles pasa aos socialistas galegos, que cando foron goberno durante a bonanza económica só lles daban cartos para facer maquetas, e agora que están na oposición en tempos de escaseza esixen ao PP a milagre da multiplicación dos pans e os peixes”, manifestou Alberto Pazos.