Santiago, 8 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez lamentou hoxe que os socialistas galegos “queiran facer agora desde a oposición o que non fixeron desde o Goberno bipartito”, cando reduciron á cuarta parte as posibilidades que ofrecía o Plan do Carbón para Galicia.
“Vostedes gobernaron nos anos nos que comezou a funcionar o Plan do Carbón 2006-2012 e non souberon ou non quixeron aproveitar os fondos mineiros”, sinalou a deputada popular, quen lembrou que de 20 proxectos que ofrecía o Plan reducíronos a 5 proxectos a través dun protocolo de colaboración asinado en xullo de 2006 co Goberno central.
FONDOS PAGADOS
Ademais, Sandra Vázquez criticou que o Grupo Socialista inste ao Goberno galego a reclamar os fondos do Plan do Carbón ao Goberno central, cando “todos os convenios específicos da Comunidade galega están pagados e non se pode reclamar vía xudicial porque non temos novos convenios específicos”.
“O momento das mesas de negociación e das reivindicacións foi no momento do Goberno bipartito e xa pasou, polo que agora toca traballar, que é o que está a facer este Goberno galego en contacto permanente co Ministerio e co Instituto para a reestruturación da minería do carbón”, indicou.