Santiago, 20 de febreiro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, amosou hoxe o apoio ao marco político e institucional vixente en Galicia “porque é democrático e garante o autogoberno, resultado da libérrima opinión da gran maioría dos galegos e galegas, que apoian o Estatuto e a Constitución”.
Pedro Puy asegurou que no PPdeG “cremos na democracia, nas regras e na política como acción pública que busca o ben común, pero tamén como compromiso”. “Exercer a soberanía non é darlle a razón ao BNG, logo de tres referendos e 10 procesos electorais con sucesivas vitorias de partidos que defenden a Constitución e o Estatuto de Autonomía”, apuntou.
Na súa intervención, o portavoz popular manifestou que Galicia conta cun marco xurídico instaurado, a través do referendo celebrado en 1978 e da aprobación do Estatuto de Autonomía en 1980, e exerce o seu autogoberno a través do Parlamento e a aprobación de 433 leis desde o inicio da autonomía.