Santiago, 19 de abril de 2017.- A deputada do Grupo Popular Marián García Míguez defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta estude a implantación dun servizo de transporte regular de viaxeiros entre o Val Miñor e o campus universitario de Vigo en Lagoas-Marcosende.
Marián García considerou que a posta en marcha deste servizo “require dunha análise técnica que pondere a súa demanda real e potencial para facelo máis axeitado ás necesidades dos cidadáns, fixando as solucións máis adecuadas”.
RECLAMACIÓN HISTÓRICA
Na súa intervención, lembrou que este servizo de transporte regular de viaxeiros “é unha reclamación histórica da comunidade universitaria do Val Miñor” para atender aos máis de 400 alumnos que estudan no campus vigués procedentes dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán.
A deputada popular explicou que a Xunta está desenvolvendo os traballos de elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia, “no que se concretarán tanto as necesidades reais da veciñanza como as solucións máis axeitadas en cada caso”. “Trátase de establecer recursos eficientes que combinen satisfacer as necesidades dos galegos co necesario uso responsable dos fondos públicos”, apuntou.