Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia impulse un crecemento anual, progresivo e previsible da axuda ás ONGD’s galegas, tendo sempre como horizonte o 0,7 por cento do seu orzamento consolidado e cun incremento anual como mínimo do dobre do incremento do orzamento total consolidado da Xunta.
Alberto Pazos amosou “o noso convencemento da necesidade de apoiar o labor que están a desenvolver as organizacións non gubernamentais galegas en materia de cooperación exterior, do mesmo xeito que compartimos a conveniencia de que os fondos autonómicos dedicados a este fin deben incrementarse nos vindeiros orzamentos”.
GARANTIR A PERVIVENCIA DO SECTOR
“Tal vez o compromiso económico non resulta suficiente para satisfacer as demandas das ONGD’s, pero sen dúbida o proceder da Xunta garantiu a pervivencia do sector evitando a asunción de compromisos máis alá daqueles aos que se podía garantir axudas que se fixeran efectivas en tempos razoables”, apuntou.
O deputado popular subliñou que a Xunta “foi quen de manter vivo o sistema galego de cooperación, axustando os orzamentos pero garantindo a execución da actuación”. En concreto, apuntou que desde 2013 se mantiveron os orzamentos arredor de 4,1 millóns de euros, retomando en 2016 a senda ascendente cunha suba do 1,15 por cento.
“Para o presente ano, o orzamento en cooperación increméntase un 7,7 por cento, é dicir, o dobre do que aumenta o presuposto global da Xunta, cumprindo o compromiso adquirido co sector de aumentar as partidas de cooperación nunha porcentaxe cando menos igual á suba do orzamento da Xunta”, manifestou Pazos.